ENTREVISTA A OLGA LÓPEZ, emigrante   

 

introducción Este espacio é unha xanela dende a que difundi-las experiencias vividas polos emigrantes galegos en primeira persoa. Inicia esta serie de testemuños Olga López, nunha entrevista realizada pola xornalista Raquel López en xuño de 2000.

 

perfil Olga López López naceu en abril de 1944 en Sarria (Lugo). Ó remata-lo Bacharelato Elemental púxose a traballar na taberna que os seus pais posuían na vila lucense. En 1961 casou con Martín Aldegunde e pouco tempo despois tivo un fillo. Foi no ano 1963 cando ela e mailo seu home decidiron emigrar a Suíza, deixando ó seu primoxénito en Sarria ó coidado dos seus abós. Na emigración o matrimonio desenvolveu a súa vida laboral no gremio da hostelería. Ata o ano 75, no que decidiron regresar á terra pouco despois de nace-la súa segunda filla. Xa de regreso en España abriron un establecemento de hostelería que rexentaron ata 1989, ano en que morreu o marido de Olga.

 

entradiña Tres días e dúas noites. Foi o tempo que o ferrocarril empregou en percorrer media Europa. Dende Galicia ata Suíza. E foi tamén o tempo que a sarriana Olga López tivo para chorar por todo o que deixaba atrás: o seu fillo de a penas dous anos, a súa xente e a súa terra. Unha vez en Suíza, non había tempo máis que para traballar. A desesperanza e a situación económica que atravesaba España nos anos 60 obrigárona como a milleiros de galegos a emigrar na procura dun futuro mellor. Con oito mil pesetas e acompañada polo seu marido, Olga, que nunca viaxara ó estranxeiro, emprendeu rumbo cara un país descoñecido cunha lingua que non entendía. Dende o primeiro momento soubo que o seu “non era aquelo”, pero a necesidade de conseguir os cartos suficientes para facer unha casa e recuperar unha vida mellor xa na súa terra, non lle permitía dar marcha atrás. Traballos ilegais, xornadas de doce horas, hostelería, limpeza e o que fixera falta. “Antes morta, que quieta”.  En total, doce anos consagrados ó traballo e ó aforro, ó cabo dos cales decidiron voltar. Na maleta, “unha pouca roupa, calzado e punto”. En Galicia, unha casa propia e un fillo xa criado. Hoxe, con 56 anos e viúva, Olga olla cara atrás e só atopa un calificativo para a emigración: triste.

   

                                            LEER ENTREVISTA

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

    ENTREVISTA          Volver

 

 

 

-¿En que ano se foi?

-No 62-63.

 

-¿A onde?

-A Suíza.

 

-¿Por que a Suíza?

-Porque daquela era o país que mellor estaba economicamente. Suíza e Alemaña. Francia sempre tivo a moeda moito máis baixa. Suíza era un pouquiño máis alta. Alemaña era máis alta pero era máis difícil, porque nós non marchamos pola Emigración. Marchamos cun contrato duns amigos que estaban alá, que xa levaban tempo. Entón miráronnos, e fómonos cun contrato con 850 francos ó mes e un horario indefinido, claro está. Alí, tanto  traballabas dez, quince, coma dezaseis horas. E tíñalo que facer porque se non o facías ti, na porta estaban iugoslavos, italianos, portugueses -había de tódalas nacionalidades- para face-lo traballo. O mesmo, máis se acaso, por menos diñeiro, e tiñas que adaptarte ás circunstancias do que fora. Ou senón, colle-la maleta e poñíante na fronteira en 24 horas e para España outra vez de regreso.

 

-¿En que foi a Suíza?

-En tren.

 

-¿Como foi a viaxe?

-Tres días e dúas noites. Fora larguísimo.

 

-¿E dende onde saíron?

-De Sarria.

 

-¿A onde chegaron?

-O primeiro contrato que tivemos foi no cantón Schwyz moi cerquiña de Lucerna, hai que coller un barquiño, unha cousa parecida a un catamarán. Pero nós de entrada fomos a un hotel desviado, porque estaba entre Lucerna e o pobo que lle chamaban Vidnau. E era un hotel que quedaba no mesmo centro. Pero era un hotel aillado, porque aquel hotel era máis ben de xente da terceira idade, xubilados, xente maior, que ó mellor ían pasar un mes, quince días, segundo o presuposto que tiñan, pero era como un hotel residencia. E alí estivemos dous anos.

 

-Durante a viaxe, fixeron paradas...

-Coincidíunos coa folga esa que houbera de trens en Francia. Chegabas a Francia e a partir de aí os trens non circulaban nin para Suíza nin para Alemaña. Entón recordo que fóramos en autobús a parte de que levabamos a viaxe pagada en tren, tiveramos que pagar a viaxe en autobús. Isto foi unha anécdota curiosísima porque vas cos cartiños xustos, como emigrante daquela non había. O destino, sempre che aparece alguén como un anxo da garda no camiño. Coincidíu que a nós non nos chegaba o diñeiro para pagar o transporte en autocar ata onde íamos. Entón, nunha parada que fixo o autobús, subiu un rapaz que coincidíu que fixera o militar en Ferrol co meu marido. Entón tan pronto se viron, fundíronse nun abrazo e aquel rapaz que xa levaba tempo en Suíza, liberounos do problema, que o autocar levábanos ata onde nos chegaba o presuposto, a partir de aí, abaixo. ¿E onde quedabas? ¡Sabe Dios! Sen coñecer, sen falar o idioma, porque daquela non é coma hoxe, porque hoxe os patróns xa che falan algún español, italiano correcto. Pero daquela nada, era todo unha xauría de “guau, guau, guau” que non entendías nada. Eu vin moitos casos -e eu nunca o permitín- de levar xente pola man ós traballos, explicarlles o que tiñan que facer coma se foran subnormais. Eu nunca permitín, nin o meu marido -en paz descanse- tampouco, que nos levaran como subnormais. Vostedes nos explican da forma que poidamos entendelos, con mímica, por señas, polo que sexa, porque nós aquí non vimos como subnormais, porque non entendamos o idioma, xa o iremos collendo pouco a pouco. E de feito foi que o italiano collémolo enseguida porque ten moitas palabras galegas, sobre todo. Chegamos alí hoxe e mañá a currar, a traballar.

 

-Ata Francia foron en tren e depois tiveron que ir en autobús.

-E despois fomos ata Xenebra. En Xenebra tivemos que pasar recoñecemento. De Francia ata Xenebra non circulaban os trens. O que era pasar Francia, había folga de trens e non podías pasar, non había maneira.

 

-E non lles devolvían os cartos.

-Non, nada, por suposto. Despois si, dende Xenebra a onde íamos, levábamos a continuación o billete pagado. Ata Xenebra, ese extra a Renfe non se fixo cargo, porque había folga de trens. Se non o sabes, problema teu.

 

-Foi gracias a ese compañeiro...

-Entón o autocar foi a parte e liberounos aquel rapaz de pagar o que nos faltaba porque non nos chegaba o diñeiro. E ó chegar ó sitio onde nos chegaba o presuposto, abaixo. E aquel rapaz pagáranos o que nos faltaba, non se me olvidará nunca.

 

-¿Pagaban en francos?

-Si, a partir da fronteira francesa, con francos franceses e despois francos suízos.

 

-¿Ían cos francos de aquí de España ou cambiárono alí?

-Non, cambiábamolo. Porque en tódalas estacións había para cambio.

 

-¿Canto lle costou a viaxe en tren?

-A viaxe si que non recordo o que fora. Sei que o meu papá nos prestara oito mil pesetas, que por certo llas tivéramos que devolver. Non era como agora, que dás e non che volven. E as oito mil pesetas chegárannos a partir do momento ese que se nos acabou o presuposto e nos axudou ese señor. Despois levábamos uns choiriciños, un cachiño de xamón, algo para comer porque se o presuposto non chega para a viaxe cómo vas facer para comer. Era moito traxecto e había que comer algo. Nós chegamos á fronteira a Xenebra e daquela había outro problema, que iso era para quedarse nas aduanas cos bos chourizos e os bos xamóns. Entón rexistráronnos as maletas todas, encontráronnos os chourizos, o xamón, e quitáronnos todo. Só pedíndolles por favor, case de xeonllos, que nos deixaran algo, que non levábamos diñeiro nin tíñamos para comer nada. E deixáronnos unha insignificancia de nada, quedou todo comisionado alí. Porque se dicía daquela, que se había unha peste porcina aquí en España, que se podía pasar a infección a Suíza. Iso todo era un conto deles. Porque iso era para quedarse nas aduanas. Pero a todos os que íamos no tren con destino a Suíza. Maletas fóra do autocar, xa tiñas que baixalas para pagar todo, ó tren. E aí maleta por maleta, maleta por maleta, despois nunca máis nos volveu pasar, porque incluso pasabamos chourizos e trozos de xamón, ¿sabes onde discurríamos de pasalo? Nos zapatos. Primeiro metíamos os chourizos e despois atascábamos de papeis de xornais. Entón pensaban que eran xornais e non che miraban. Pero a primeira vez confiscáronnos, ademais claro vas de recluta, que non sabes de como vai o tema, e nos quitaran todo. Eu pedíndolles case de xeonllos que nos deixaran porque non tíñamos diñeiro, nin para comer. E nos deixaran algo, pero nada.

 

-¿Era a primeira vez que saía ó estranxeiro?

-Si, e o meu marido, e. p. d., tamén.

 

-¿Por que decidiron ir?

-Porque a economía aquí en España, non había. Non é que non houbera traballo. É que non tiñas a forma de subsistir. Meu marido estaba coa nai, unha vez que se marchou, a nai levárona cos outros irmáns. E os meus pais quedaron co meu fillo Martín que xa tiña dous anos escasos. Entón, nós marchamos por necesidade, porque non tíñamos. A nai del non lle podía dar porque non tiña, era unha casiña de labrador con dúas vaquiñas. E nós aquí en Sarria tíñamos un bodegón que lle chaman agora, pero daquela chamábanlle unha taberna, unha cantina. E que daba para ir tirando e comendo malamente. A casa era de aluguer, que non era nosa, ou sexa, que tíñamos a vida moi difícil. Daquela non había carreiras nin había posibilidade de estudiar, unha man diante e outra detrás e a camiñar. Entón, decidimos marchar. Eu con moito dolor de deixar a Martín, porque a min costoume moito. Agora estou pagando, unhas cousas e outras estou pagando todo. Peor sufrín moitísimo de deixalo tan pequeniño. Cos abós eu sabía que quedaba ben, pero non era igual que telo comigo.

 

-Foi co seu marido, ¿pero ían con máis xente que tamén marchaba para alí?

-Non, íamos por libre. Nós íamos polo contrato que nos mandaran os amigos que tíñamos alá. Que logo nós nos levamos moita xente para alá. Gastamos un montón de francos e ninguén nos deu un peso. Pero nós a este matrimonio, devolvémoslles franco a franco todo o que gastaran con nós, e superagradecidos. Anque ó mellor se non foran eles, eran outros os que nos mandaban o contrato. Pero daquela non era fácil. Era máis fácil irte pola Emigración. Pero pola Emigración non sabías a donde ías. Nós, chegamos a Lucerna e este matrimonio estaba esperándonos e leváronnos ó mesmo hotel eles. Se non ti sen saber, sen coñecer, sen falar, porque eles xa se defendían porque xa levaban anos alá entón xa era distinto, coñecían, máis eles traballaban en Lucerna, sabían onde quedaba o sitio, e nos levaron ata o mesmo hotel. E chegamos hoxe e xa empezamos a traballar mañá.

 

-¿Xente que ía pola Emigración?

 -Tiñas que ir cun contrato. Porque se ías de turista, tiñas que levar cartos. Ben, eu veño aquí de turista, pero de que vai vivir vostede aquí. Alí, sen traballar en plan turístico, se levabas francos podías estar o tempo que quixeras, como se vas de vacacións. Unha cousa igual. Pero se non tiñas escasamente para a viaxe, como ías ir de turista. Entón alí o que non levaba os seus papeliños, xa non intentaba ir. Entón, contrato, pasaporte, hoxe xa non fai falta, pero daquela pasaporte en regla, e xa digo, pasábanche un recoñecemento en Xenebra. A parte de que che quitaban todo, pasábanche un recoñecemento de saúde, se estabas sana, porque se estabas enferma, marcha para atrás. Con placas víante por dentro como por fóra, e se tiñas algún problema ou algunha cousa, marcha para atrás. Houbo un señor que tiña un problema de bronquios e non puido pasar. Tivo que dar a volta con grande pesar, pero tivo que dar a volta. Porque enfermos nada. Alí, xente currante, a traballar a tope, e sana como carballos.

 

-Levaba cartos para ir, pero ¿para volver?
-E para volver, non sei despois como era isto despois para volver. Se a Emigración se facía cargo das voltas, porque a dedo non creo que volvera. Non sei se a Emigración se faría cargo das voltas desta xente. Ou a policía, ó ver que estaba enfermo e que non podía continuar para traballar,...Nós, os que íamos para Suíza, íamos cheos ós topes, pero ninguén coñecía a ninguén, home, sempre entablabas amizade a raíz da viaxe, pero é xente que non coñeces, que acabas de ver, non tes unha confianza.

 

-Estes amigos eran de aquí e emigraron.

-Si, e a través deles foi como fomos, eles eran de aquí.

 

-¿Pedíronlles vostedes que lles buscaran algo alí?

-Si, fomos nós quen llo dixéramos unha vez que viñeran de vacacións. A eles íalles ben, traballaban no gremio da hostelería, no que traballamos nós sempre. E unha vez, que viñeran de vacacións ou lles escribíramos, o caso é que eles axenciáronnos o do contrato, Porque daquela si, podías marchar pola Emigración, pero era unha aventura, non sabías a onde ías, nin a onde te mandaban, nin canto ías gañar, nin que ías facer, era unha viaxe ó que nunca sabías.

 

-¿Había un centro que organizaba todo?

-Si, a Emigración sigue existindo. Eu creo que o centro da emigración éste, segue existindo en Lugo. Á parte de que Suíza hoxe, ben, tódolos países europeos están fastidiados para o traballo e para a emigración está fastidiada. Hoxe por exemplo, está a xente que leva vinte anos, que ten bos postos de traballo, que está ben remunerado, que levan moitos anos alí, pois xa intentan xubilarse alí, porque despois aquí teñen unha paga inmensa ó cambio. Por exemplo, persoas de 40, 50, éses ata que se xubilen xa non veñen. É fastidiado, que están desexando virse, porque a vida do emigrante é moi dura, moi dura. Pero claro, despois de tantos anos, xa colles o idioma, xa te defendes, tes cargos mellores, que non é como cando chegas que tes que facer. Eu fixen de todo, e o meu marido igual, porque como non sabías falar nin entendías o que che dicían. A fregar wáteres, o que fora, a fregar aquelo, a facer o outro, traíanche da ceca para a meca. Finalmente, unha vez que levas alá un tempo, xa vas collendo o idioma, vaste poñendo un pouco en marcha,... Porque alí os postos é a categoría que tes, non é que traballes máis, é o cargo que ocupes. Por exemplo, un señor que estea metendo platos a un lavavaixelas non gaña coma un camareiro, ou un que estea detrás dunha barra non gaña como o que está detrás da cociña lavando perolos, pelando patacas ou facendo camas. Eu ultimamente terminei ben, baixo os estudios que tiña, terminei moitos anos antes de virme de camarera de restaurante, onde traballaba co patrón. Tiña trinta francos de soldo ó mes e o resto era o 50% sobre as vendas, a caixa que facías. O 50% para min e o 50% para ti, e de soldo do patrón eran 30 francos. O meu marido, non. Estaba con soldo fixo e xa daquela gañaba case 3.000 francos ou máis de 3.000 francos que ó cambio en España supoñía unhas pesetas. A parte que eu sacaba máis diñeiro que el. Porque alí tiñas o servicio “x” meses para ti sola. Eramos ó mellor no servicio, 5, 6 ou 7 camareiros e camareiras de tódalas nacionalidades. A patrona tiña como unha circunferencia feita, ía dando volta, ó mellor hoxe a min tocábame o servicio, mañá o dous, ou sexa, ía cambiando durante a semana. Pero tiñas sempre unhas mesas para ti, que naquelas mesas non podía meterse outro que non fora para traballar para ti. Entón, eu tiña un carácter bastante afable para a xente e deixábanme moitas propinas, había veces que quitaba máis de propinas que de soldo. Eu traballaba por turnos. O primeiro turno era dende as 6 da mañá ata as 3 da tarde, despois había outro turno das once e media ás cinco da tarde e despois había outro ás tres da tarde e xa pechabas o restaurante. Había tres turnos e iso ía dando voltas. Segundo o turno que che daba de mesas, tamén che cambiaba o turno do horario.

 

-Cando foron para alí, ¿tiveron que facer moito papeleo?

-Non, porque como nos mandaran o contrato xa a cada un, ti ó que te limitaches foi a asinalo, volvelo mandar outra vez para alá, conforme estaba de acordo, unha cousa máis ou menos como fas aquí para un contrato. Pero alí ves todo, o traballo que ías facer, que viña escrito en alemán, menos mal que logo as cartas dos amigos, explicaban: “vas facer isto, e Martín vai facer o outro”. Entón viña escrito en alemán, porque daquela os patróns non falaban nin pizca de nada, español xa nin velo, italiano nada, o flamenco schwyzen, flamingo, era como dicir en España o catalán ou o vasco. En cada cantón, en cada rexión falaban da súa forma. Entón, a cousa sabías para o que ías, porque os teus compañeiros che dicían para que era e chegabas alí e xa sabías o traballo que ías facer.

 

-Os amigos tamén lles prestaron cartos.

-Si. Deixáronnos os traslados, porque alí non é como aquí que atopas un amigo que che pasa nun coche dun sitio a outro, pero alí tiña que ser a punta de franco, ben en tren, ben en autobús, ben en barco, como fora pero todo pagando a punta de franco. Alí non había amigos nin ninguén que te levara a ningún sitio. E eles os pobres se tiveran coche daquela, pero tampouco tiñan coche. Entón devolvémoslle todo canto gastaran con nós, devolvémoslles todo, peseta a peseta. Nós levamos moita xente e nin tiveron a dignidade de dicir canto gastaramos con eles nin nada de nada.

 

-Despois vostedes axudaron tamén a outros.

-Nós levamos a moita xente. Levamos a un matrimonio de Lier, levei a uns primos irmáns meus aí de Castroncán, e levei unha parente, porque o meu marido era totalmente oposto a iso, porque sabía que ó final pasaba o que el dicía “Olga gastas os francos, os cartos, a nós fannos falta” porque nós o solar desta casa xa nolo deron os meus papás, pero encima do solar tivemos que facer nós a casa. E empezámola a facer con 75.000 pesetas a primeira placa, pero xa gañados en Suíza, despois créditos a banco que xa había que pagar. A currar e a mandar diñeiro, e despois a miña mamá, e.p.d., por quedarme con Martín, tiña que mandarlle tódolos meses 23.000 pesetas. Faltase para nós para o que fora, pero a ela había que mandarllas. E coa taberniña que tiñan, daba algo de comidas e tal, e ían saíndo, non lles facía falta, pero miña madre niso, dios lle perdone, era egoista, e esixíanos tódolos meses 23.000 pesetas. Eles sabían que estabamos facendo a casa, que estabamos pedindo créditos, que tiñamos que pagalos, pero ningún mes puidemos pasar sen enviarlle ese diñeiro. Un mes, non sei que tiveramos que pagar, e non nos chegaba o diñeiro, e mandoume unha carta que me puxo a parir, a ver se pensaba que nos ía manter o fillo. Eran bos pais en certa medida, pero moi egoistas. Meu pai non, que non se metía niso, pero miña nai si. Non podían faltar as 23.000 pesetas tódolos meses.

 

-¿Como era o contrato que levaban?

-O contrato era anual. Ese hotel traballaba todo o ano. Despois estivemos noutros que traballaban oito meses.

 

-Vostedes levaban idea de quedarse ¿cantos meses?

-Non tiñamos pensado. Nós tan pronto aforramos e fixemos a casiña e tivemos para poñer A Carreta xa pensamos en virnos, porque o noso non era aquelo. Porque por Martín sufría moitísimo, estaba chorando sempre, deprimida, eu estaba alí coma se fose en Carabanchel, estaba moi agobiada, vía un pequeno que mo imaxinaba máis ou menos coma el, e choraba, non durmía, non comía, non bebía, e aquelo xa era un sinvivir. Entón, estando pensando xa  en virnos caín embarazada da Begoña e viñen dar a luz aquí, anque os patróns que tivemos ultimamente querían que o tiveramos alí, querían ser os padriños, querían que levasemos a Martín. E tenme pesado tantísimo non telo feito, porque sempre se me meteu na cabeza que si estiveramos en Suíza, cando viñeramos ó mellor viñamos cunha boa xubilación e Martín e Begoña uns idiomas xa os traían e había facilidades para estudiar. Mesmo porque os últimos patróns que tivemos tiñan un fillo único, eran uns tíos multimillonarios, tiñan unha cadea de hoteis ata en Grecia, e non tiñan que comprarlle ó fillo nin un bolígrafo e estaba estudiando dúas carreiras á vez. Alí o goberno daba moitísimas facilidades, para o intelixente, o que nacera para labrador ía ser labrador, alí catalogábante como aquí as patacas cando as escolles para sementar. O que era máis listo, enxeñeiro, médico, carreiras maiores, o que era menos tal, pois unha carreira inferior. E o que non valía pois, a traballar a terra.

 

-¿Había moitas diferencias entre os dous países?

-É que alí en Suíza, o que valía para estudiar, o Estado costeáballe todo. Por iso os patróns nosos, loitaban tantísimo para que eu dera a luz alí, ser eles os padriños, e que levara a Martín para alí. Se era un chaval intelixente estudiaría a carreira que quixera gratis e a Begoña de momento pois en guaderías e cousas así ata que saíra adiante. Eu como estaba co ollo xa posto aquí non había maneira de convencerme. Total, que viñen dar a luz aquí, trouxen tres meses de convalecencia, e ós tres meses se volvías cobrabas a maternidade. Eses tres meses pagábanchos coma se traballaras. E fomos por tres meses e aínda estivemos nove. Fomos por tres meses para cobrar a maternidade e virnos, pero como os cartos non sobraban estivemos seis meses máis e deixeille a pequena á mamá con trinta días.

Aquí estiven tres meses, pero funme antes de tempo por causa de que o meu marido como non era problema de parto, nin de embarazo, nin cousas desas, transcurríalle. Tes un límite para pasar a fronteira, porque iso caduca tamén. Tres meses. Tes que pasa-la fronteira, unha vez que a pases podes volver. Pero o requisito ese daquela era obrigatorio. Non podías pasar nin media hora máis dos tres meses, senón perdías os dereitos todos.

 

-¿Era habitual vir a dar a luz aquí?

-Había moitas mulleres que daban alí, pero despois ela xa non podía traballar. Porque de bebés non chos collen nas guarderías. Despois, nas guarderías comentábase, xente que tiña nenos pequenos, que os maltrataban ó ser fillos de emigrantes, que lles pegaban. Mentres non falaban maltratábanos, ó que falaban xa dicían “pegoume a señorita esta ou a outra”. Pero aparecían marcados con moratóns, despois dicían que se mancaban xogando entre eles. E era que lles zoscaban. As guarderías alí non eran nada seguras. Era un pouco complicado. E neste hotel -ó primeiro que fomos- estivemos o primeiro ano co contrato, o segundo ano xa nos dixo a patrona de renovalo, estaba supercontenta con nós. Xa nos subiu o soldo, sen pedirlle nós nada e ó terceiro ano, ocórresenos levar ese matrimonio de Lier e el era un “raspas”, roubaba todo. Porque alí as flores, os animais, xoias e todo o que sexa así de valor, anque te leve os ollos, vese pero non se toca. E el como era labrador, qué lle íamos buscar: xardiñeiro. E cando no inverno nevaba pois axudáballe ó porteiro a limpar habitacións, a limpar a sala de bolos. E alí a xente como non tiña outra distracción pois ía xogar ós bolos, outros ás cartas, había xogos para esa xente maior para pasar o tempo, porque outra distracción non había. Moitos xogaban ós bolos, ían lavar as mans, deixaban as xoias e esquecíanas. Cando volvían por elas, as xoias non estaban. Levamos a un cuñado meu, tamén para o mesmo hotel, mira que é difícil tres membros da familia no mesmo hotel, mira se estabamos ben mirados polos patróns e ó final verás o que nos pasou. Levamos o meu cuñado e xa levaba un ano e pico o meu cuñado. Eu aí entrei nun office, tiña que distribuír a comida para o comedor nas bandexas. O segundo ano a patrona propúxome pasar de camareira  de sala. Foi cando se nos ocurriu levar ese matrimonio, xa leváramos ó meu cuñado. Eu como estaba de camareira dábanme moitas propinas, como dixen, eu era moi afable e moi simpática para o público e moi agradable, e dábanme moitísimas propinas. Daquelas había un franco, medio franco, dous francos e cinco francos de prata, pero de prata auténtica. Con estes medios francos fixen unha pulseiriña. Meu cuñado dicíame “dame algunha moediña desas para gardar, que me gustan moito”. E eu dáballas, cando tiña así, dáballas. Nós durmíamos no número un, el no número dous e este matrimonio no número tres. Mira se estabamos ben vistos polo patrón que nos deron ós cinco libre o mesmo día. Cinco persoas o mesmo día, tela marinera, porque para suplir esas cinco persoas era un problema. Pero como sabía que eramos amigos, que eramos do mesmo sitio, pois terminou dándonolo. Empezaron a faltar cousas na sala de bolos, queixas na recepción do hotel, murmullos por aquí, que si faltou diñeiro, unha sortixa, non sei que. Pero donde se descubriu o tomate foi cando o meu cuñado gardaba as moedas que eu lle daba, e canto máis gardaba, menos tiña. E eu era a que lle facía a habitación, limpiaba a miña habitación e limpaba a del. E claro, eu tiña a chave da habitación do meu cuñado. El levaba unha temporada que notaba que lle faltaban as moedas, entón ó faltarlle así as moedas un día disimuladamente, que non me caeu nada ben, dixo “esa ratita que me da las monedas y después me las va llevando”. Eu de momento quedeime sorprendida e dixen “Hipólito pero tú qué dices”. “Nada, Olga que das moedas que me vas dando ti como eres a que ten chave eu penso que mas volves a quitar”. “Eu se chas quero quitar xa non chas dou”. Entón como ata que ese matrimonio chegou, as cousas eran todas normais, empezouse a rumorear que ían traer a policía, que ían rexistrar as habitacións do persoal. Digo “á miña poden vir e á do meu cuñado”. Pero empecei a pensar, digo “pero este tío ¿non será o do meollo?” En vista do sucedido eu xa me desembaracei dese matrimonio, díxenlle á patrona, “Mire, yo sé que pasa algo raro y de momento quiero pedirle un favor, este matrimonio que yo traje me quiero independizar un poco de ellos”. Cambioulles o día. Nun día deses que eles teñen libre, que non libramos nós. ¿que se me ocorre? Chave de Hipólito, eles non estaban, saíran, eu probo coa chave do meu cuñado a ver se abre a porta deles. Cando a miña sorpresa se abre a porta. E aquí está el ratero este. Se a chave túa abre a porta deles, a deles abre na túa, en cambio na nosa xa non. E aí descubrimos o tomate.A partir de aí, fomos desviándonos. Vin que ían traer á policía, ía haber unha investigación. ¿solución? Buscarlle un traballo en Lucerna ó meu cuñado noutro hotel de axudante de cociñeiro. Buscarlle traballo para el. E nós marchamos para un pobo para alá de Interlaken, que lle chamaban Meiringen. E nós tiñamos o contrato anual, por doce meses, porque ese hotel non pechaba nunca. Entón o do meu cuñado tampouco, quedou solventado. Pero non lle ía moi ben o ambiente, porque non se entendía, era rudo para colle-lo idioma, e estaba deprimido. Empezouse a deprimir un pouco, con nós inda ía tirando, porque o apoiaba o irmán. Defendíao, e foi tirando o tempo que o tivemos con nós. Pero cando foi para Lucerna empezou a deprimirse e empezou a comentarnos “calquer día marcho para España”. E de feito veuse, traballou no Litmar ata que abrimos nós a Carreta, e veu para xunto de nós. E nós por este matrimonio tivemos que deixar o traballo onde estabamos ben remunerados, ben pagados. Pero por culpa deles, non sexa que vaian traer a policía, que descubran o tomate, e que me teña que dicir a patrona que “quinquis” lles trouxen eu a este hotel. Pois perdemos o traballo por eles. Nós alegamos que nos tiñamos que vir a España, que tiña o meu pai moi grave, morrendo. Unha mentira como unha catedral. Que nos mandaran un telegrama e que tiñamos que marchar urxentemente se queriamos velo con vida.

Nós tiñamos o contrato anual e iso alí hai que controlalo moito. Meu cuñado quedou cun contrato anual igual. Pero nós por medio dunha axencia de colocación buscáronnos un traballo para alá de Interlaken que lle chamaban Meiringen ó pobo, pero era un hotel de estación, traballaba oito meses e pechaba. Había que busca-la vida por onde puideras, porque alí o traballo acababa. Podías volver, porque nós despois tiñamos que andar á que saltaba, traballando por horas, en sitios. Ademais non podes quedarte alí sen traballar. Se tes diñeiro podes estar en plan turístico, pero ¿onde estaba o diñeiro? Entón tiñas que andar sen permiso policial, exposto a que te collera a policía, sen permiso legal. Eras ilegal completamente, en 24 horas poñíante na fronteira. Pero nós salta de aquí, salta para outro lado, pois traballando por horas íamos sacando calquera cousa. Cando pasaban os catro meses, volvíamos outra vez para alí, porque a patrona nos volvía coller. Pero estando o hotel pechado non nos precisaban para nada.

 

-¿Cantos anos estiveron en Suíza?

-En conxunto, cinco anos. Pero despois calculando, porque íamos, viñamos se se operaba meu pai, se operaba miña nai de cataratas, había que vir, paga-la operación, coidalos. Total, doce anos sen intervalos de tempo. Eu para cotizar agora unha paga, cotízanme a razón de cinco anos, que foi os que botei alí seguidos sen vir a España. Porque iso de ir e vir, perdes dereitos. Alí contan os anos seguidos. Nós estabamos facendo a obra, se viña o meu marido ás veces quedaba eu, outras veces viñamos os dous, porque os meus pais tiñan o neno, pero operaban ó meu pai, tres veces, á miña nai de cataratas dúas veces, tiñas que vir a coidalos. Unha serie de problemas que había que vir cada pouco. Entón, agora na cotización de pensionista só me cotizan a raíz dos cinco anos que estiven alí sen vir.

 

-Neses cinco anos, ¿non veu ningunha vez a España?

-Non, porque a casa estaba en marcha e as cousas había que pagalas. Tiñas un mes de vacacións e quedabas a traballar alí. Alí ós patróns non queren que ti esteas traballando neste hotel, e teñas un mes de vacacións e vaias traballar a outro sitio. E si o saben denúnciante á policía. Nunha das ocasións que xurdiu isto, que non viñemos a España, dentro destes cinco anos, o meu marido encontrou nun sitio e eu noutro e traballamos un mes e gañamos o noso diñeiro. Pero resulta que eu estaba traballando e había unha vitrina grande de cristal e a min víame a xente toda dende fóra. E alguén, malas persoas, foille co comentario á patrona e rapidamente denuncia policial. Pero daquela tiña un patrón, nun mes colleume un apego, e a patrona, que por eles non me puxeron na fronteira, que senón estaba en España pero para non volver nunca máis. Porque iso alí era moi mirado. O meu marido traballaba de cociñeiro, de entremetier, e traballaba nunha entreplanta e alí non o podían ver. E a todo iso aínda lle seguiron os pasos ó descubrirme a min, porque traballabamos moi cerca un do outro.

Nós antes de que todo isto sucedera vímonos perdidos para pasar de estacionais a anuais. Porque nós perdemos por este matrimonio de Lier o contrato anual, que é o permiso B. Entón para pasar de anual a estacional, facilísimo. Agora, para pasar de estacional a anual, tela marinera.

 

-¿Por que?

-Porque non sei. Son regras que tiñan alí no sistema. Ben, pois outra axencia de colocación. Porque claro, cada oito meses aquela historia pechaba, non che rendía o diñeiro, era un pobo pequeniño, despois tiñas que andar mirando onde te collían para unhas horas. E nós pensamos que era facilísimo pasar de estacional a anual como estabamos, o permiso B. Pero chegamos á axencia de colocación e xa nos explicaron o que había “Ustedes no supieron lo que hicieron, no se asesoraron. Ustedes tenían un contrato por un año y eso había que conservarlo. Al pasar a otro contrato de ocho meses ustedes pierden los derechos”. E aí foi onde nós nos fastidiamos.

Tivemos que volver a unha axencia de colocación e demos cuns patróns pero eran malísimos. El non quería ver un estranxeiro nin en pintura. Xa mandaran un emigrante galego por unha denuncia como esta de traballar por un mes. Eles non querían que traballaras noutro sitio, e como eles todos.

 

-Eles pagábanlles as vacacións.

-Eles pagábannos un mes de vacacións e a parte nós traballábamos un mes porque nos facía falta o diñeiro. E iso non o querían. Porque dicían que si nos pagaban un mes de vacacións era para disfrutalas, non para ir traballar a outro sitio. Non estaban de acordo con iso. E era case como normal, porque se a min me pagan as vacacións un mes para disfrutalas en España, onde fora, e vou traballar ese mes a outro sitio é unha cousa que fastidia. Ó final imos á policía e encontrámonos co problema ese, “vostedes eran anuais, pasan a estacionais, pois síntoo moitísimo, vostedes perden os dereitos, o permiso B e agora teñen o permiso A. O C era xa residentes de anos e anos no país. Xa a mesma policía nos avisaba de que os patróns non eran bos de soportar. Ela era das que tiraba a pedra e escondía a man. El era moi directo. Unha vez que Martín tivo o cabodano da nai, faltou 15 días, hóubome levar á sepultura. Naquel restaurante eu estaba detrás da barra para darlles servicios ós camareiros. Era un bar que daba moitísimas comidas, tiña sala de bolos, era un bar restaurante inmenso. E eu soa para darlle servicio a catro camareiros. Había un ascensor para subir as bebidas e facíamas subir polas escaleiras. A doce botellas de litro de viño. Reventoume. Con dicirche que chegou hoxe Martín o meu marido, e mañá tivo que levarme ó hospital. Se o meu marido tarda un mes, creo que me enterran alí. Porque era criminal. Vengábase de que estaba soa. Pero isto xa foi en Berna, víndonos dese hotel. Porque nós en hoteis estivemos en poucos. Estivemos en catro co das vacacións.

 

-¿Sempre traballaron en hoteis?

-Sempre foi en hostelería. Hoteis, restaurantes, todo no gremio da hostelería. Estivemos no cantón Schwyz, para alá de Interlaken, tamén no cantón Schwyz e despois xa nos fomos para Berna. Traballamos en tres hoteis fixos e despois o que facíamos nas vacacións.

 

-Pasaron moitos anos traballando no mesmo hotel.

-Si, neste último estivemos moitísimo tempo. Pero a min, á hora de controlar só me contan cinco anos. Porque estas idas e vidas quitáronme dereitos á hora de cotizarme a pensión de viudedade, que é o que estou cobrando de Suíza.

 

-¿Vivían nos propios hoteis?

-No primeiro vivimos no mesmo. No estacional, eses oito meses dábannos tamén pensión completa e no terceiro que tivemos tamén, durmíamos no mesmo hotel. No cuarto, non. O último que estivemos inaugurámolo nós, un hotel novo, enorme, con non sei cantas plantas, sala de convencións, de banquetes. De aí xa nos viñemos para España. E era onde os patróns nos querían tanto. Hai tres ou catro anos fun velos a Suíza. Están moi maiores, non traballan, están xubilados, pero están controlando as súas cousas. Estiven case un mes con eles e non querían que me viñera. Xa se enteraran de que morrera o meu marido.

 

-¿Onde residían cando non vivían no hotel?

-Un piso ó mellor compartido –todo con emigrantes, claro- . Unha habitación con dereito a cociña e baño. E punto. Un piso.

 

-Vivía con emigrantes galegos, ...

-Había galegos, portugueses, italianos, iugoslavos, había de todo. Era un piso, pero en vez de telo todo para ti, tiñas unha habitación con dereito a cociña e baño.

 

-¿Eran barrios de emigrantes?

-Non, era unha rúa normal, cunha casa normal e pisos alquilados por habitacións para emigrantes. Porque se ías pagar un apartamento ou un piso, o que gañaba un, alá ía. Entón non ías a iso. Isto pódeo facer o que vai directamente a vivir alí ou a quedarse ata que te vaias xubilar.

 

-E ¿cando descansaban?

-Cando nós estivemos era un día libre á semana. Bastante tempo despois de virnos nós, era un día e medio. Pero nós só disfrutamos no tempo que estivemos dun día. Despois ampliaron, vese que as leis para os emigrantes melloraron un pouco e ampliaron a día e medio. Un mes de vacacións ó ano. E despois xa nos estacionamos con oito horas, cando ó primeiro, traballabas oito, catorce, dezaseis e as que fixeran falta. Despois ó coller o ritmo, estacionarte e tal, oito horas, turnos. Máis non botabas, e se as botabas pagábanchas.

 

-E neses días libres ¿que facían?

-O primeiro recupera-lo sono, porque durmías ata a hora da comida. Despois levantábaste,  facías de comer, porque alí comer de restaurante, tela marinera. Podías facer un extra un día de cumpreanos, unha vez ó ano, que non o facías, porque cando necesitas o diñeiro non podes permitirte eses luxos. E nós estabamos facendo a casa e necesitabamos o diñeiro. Comprar en tendas españolas, tendas italianas, con productos españois, con productos italianos, que son moi similares ós nosos. E facer a comida ó noso aire, comíamos e despois saíamos a onde nos parecía, pero sempre vendo cousas, camiñando, un día ías a un sitio, outro a outro, pero economicamente, sen despilfarros porque non podía habelos, se o gastabas alí non o tiñas aquí.

 

 -¿Ían con outros emigrantes por aí?

-E despois xa ías coñecendo tal compañeiro, coincidías con... porque non sei os españois levamos unha placa na fronte, diferenciámonos nun país forasteiro, e se eres  galego creo que aínda o notamos máis. O día que te atopabas cuns galegos, o máximo que podías facer era ir a un restaurante e tomar unha cerveciña, que che costaba daquela un franco vinte. O que podías facer era tomar unha cerveciña, e de parloteo tal, e cando iso, para a casa, cear, para a cama, porque o día seguinte podías ter o turno das seis da mañá. O meu marido si que tiña sempre o mesmo, dende as nove ás dúas e dende as cinco ás nove.

 

-¿El de que traballaba?

-El era entremetier, para facer salsas, decorar platos e facer comida porque ás veces faltaba o xefe e había non sei cantos cociñeiros e deixábano a el de xefe, porque dábaselle moi ben a cociña, incluso cociñou aquí. E xa che digo, alí a vida do emigrante daquela, non sei hoxe penso que volvemos a aquela etapa atrás, cando fun hai tres ou catro anos, vin todo tan cambiado. Dios Mio a Berna que eu recordaba, un bullicio de xente do turno que entrabas ás seis da mañá. Era como aquí ás tres da tarde, parecían autómatas todos con carteiras, ían como zombis ó traballo, pero alí vías xente con muletas, con cayados, ían desempeñar un cargo. Alí a xente quérese currante. Alí mangantes, cada un ó seu país.

 

-¿Traballaban noutros sitios a parte do hotel?

-Eu cando estaba no último hotel xa non, porque tiñamos un soldo bastante importante ó cambio. Pero ó primeiro que tiñamos uns soldos baixos, fixen moitas horas de limpeza en casas de señoras, limpando dúas horas, dúas horas noutro lado, en casas privadas de señoras maiores con pasta, que elas non podían limpar pero podían pagar a quen lles limpara. Moitas veces os días libres dedicábame a ir limpar a casas de señores e ó mellor traía un soldiño máis grande do que gañaba traballando un día normal nun restaurante, porque alí pagábanche por hora. Unha hora -conviñas coa patrona- podían ser dez francos, quince francos. As horas que facías xa chas pagaban de inmediato e eu ás veces sacaba máis diñeiro que traballando no restaurante normal.

 

-¿Como estaban os soldos?

-Cando nos viñemos no ano 75-76, os soldos xa eran moito mellores, porque xa non necesitabamos facer horas porque ó cambio viñamos sacando un soldo de 3.000 francos para riba que ó cambio era tela. 300 por 26 que foi o cambio máis alto que nós notamos no tempo que estivemos, que hoxe está a cento e pico. Pero daquela estaba a 26.

 

-Enviaba cada mes diñeiro a España...

-Tiña que mandar 23.000 pesetas.

 

-¿Como o enviaba?

-Mandábamolo pola posta, polo correo. E traíanllos á casa. Íamos a Correos e traíanllos á casa os carteiros. Pero 23.000 pesetas non podían faltar. E despois nos meses que quedaron coa filla xa eran máis. Pero iso xa foron nove meses, iso foi unha piollada. Pero no tempo que estivemos con Martín, tela marinera, se eu teño todo ese diñeiro agora...

 

-Pero era todo para o fillo.

-Home, imaxina, 23.000 pesetas. Un mes non llo puidemos mandar, envioume unha carta que me deu tal disgusto que tiven que ir ó hospital. A miña nai era moi egoista, destas mulleres que querían ter. Tendo ela todos estabamos ben. Daquela non había moitos bancos. Gardábanse en mesiñas de noite e tíñanse alí.

 

-¿Como foron acollidos pola poboación suíza?

-O emigrante sempre foi mal visto en calquera país. O que pasa que os hai máis tontos, máis intelixentes, máis espabilados, menos espabilados,... Eu -por exemplo- neste último restaurante, cheguei a sacar a caixa maior que a muller do xefe de cociña, que estaba traballando como camareira. Cada vez que o patrón viña ás noites, eu por exemplo tiña o número sete, e toca o número sete e sacaba máis ca Yolanda, que lle chamaban, e vía o ticket do que traballara eu nas oito horas que era moi superior en francos ó dela. Cando vían as miñas caixas os outros compañeiros e compañeiras alucinaban. Despois caín embarazada e a patrona quería que seguise de camareira e eu xa cunha barriga así. Porque eu viñen para dar a luz con dous meses escasos. Díxenlle que non traballaba máis de camareira, entre que levabas unha carteira –porque alí pasa o que vai pasar aquí, todo moeda, papel pouco, todo eran calderillas, agora co euro igual vai pasar aquí- tiñas que levar unha carteira con cambio para cobrarlle á xente, porque despois coa caixa que facías a metade da caixa era para o xefe e a outra metade xa te quedaba a ti na carteira. Entón entre a barriga que levaba e a carteira aquela coas moedas, parecía un canguro. E díxenlle á patrona se lle interesaba que traballara algo máis, eu pasaba para o buffet dándolle servicio ás camareiras, porque me daba vergoña andar con aquela barriga polo medio do restaurante. Pero ela quería que seguira traballando no restaurante.

 

-¿Por que cambiaron de hotel?

-Porque aqueles patróns eran malísimos. Ós novos patróns encontrámolos de casualidade, porque Martín, o sitio onde traballou ese mes de vacacións, o restaurante era do patrón que nos levou para o que despois fixeron novo. E inaugurámolo nós. Pero ó meu marido non o colleron. Andábanlle sobre a pista, e puxéronlle unha denuncia, pero equivocada. Despois o meu marido quería denunciar ós patróns por poñerlle unha denuncia equivocada, que non existía tal cousa. Pero a min, se non é o patrón chímpanme a España, pero sen volta.

 

-¿Había moitos galegos?

-Si. Empezaban a vir de tódolos países, portugueses, iugoslavos, había franceses incluso, e españoles e galegos, andaluces, asturianos, de tódolos sitios. Daquela a emigración era inmensa, porque España daquela estaba fastidiada. Non había e tiñas que decidirte ou para adiante ou para atrás. Ou adaptarte ás circunstancias ou se querías prosperar un pouco,... A miña ilusión de toda a vida era chegar a unha casiña. Eu piso non quería, eu quería unha casiña. O meu marido estaba coa nai, mellorárao para que se quedara con ela, pero claro, despois había irmáns polo medio e había que repartir.

 

-¿Cando chegaron aquí xa tiñan a casa feita?

-Si. O meu marido veu moitas veces, perdeu dereitos. A nós fíxonola Villarrairo que tiñamos plena confianza nel, pero vai ti ver, xa sabes o que pasa. Tiñas que controlar os materiales que che poñían.

 

-E chegaron aquí e puxeron ...

-E chegamos aquí e puxemos A Carreta, fomos os pioneiros de hostelería nesta rúa.

 

-Alí en Suíza estaban integrados en asociacións ou grupos que os apoiasen se tiñan problemas.

-Tiñas o consulado español que non che solucionaba ningún problema. Eu cando tiven ese problema coa policía se non é o patrón e a patrona –porque alí os patróns e a policía son uns-, eu se non é daquela chímpanme para España. Esa denuncia non prosperou porque eu comenteillo ó patrón e á patrona “mire pasou isto, a policía descubriume, chegoume esta denuncia”, porque nós seguiamos durmindo no restaurante onde traballabamos, pero se ve que alguén me viu ou os patróns. Eu expliqueilles que non quería que me mandasen para España, porque estabamos facendo unha casa, chóraslles un pouco. E díxome “no te preocupes Olga que tú para España no te vas”. E efectivamente, liberáronnos eles. E despois ó entrar no último hotel regulamos un prezo que xa vimos que estaba ben e xa estabamos cansados de tanto curre, tanta historia. E ó cambio íanos compensando, pero alí quedoume a porta aberta para volver cando quixera. O que pasa que non me volvín arriscar, dunha sacáronme pero se me ven outra, igual non saio.

 

-Alí ¿non había centros onde reunirse?

-Non, cando nós estivemos, non.

 

-Centros galegos...

-Ben, centros galegos, había un centro se querías ir comer, bailar, divertirte, pero o noso non era iso, o noso era xuntar para poder virnos.

 

-Pero era un centro para emigrantes.

-Si, era un centro para emigrantes, galegos, andaluces e de Zaragoza, é dicir, un centro de españois. E organizaban comidas, organizaban bailes, case tódalas fins de semana. Ían actuacións. Eu recordo que soamente fóramos unha vez ver a Manolo Escobar. O único extra que fixemos estando en Suíza. A ese centro que fora Manolo Escobar a cantar. A única e exclusiva vez, porque alí cóstabache todo tela marinera, o franco. E non era que dixera, “mira cóstame aquí vinte francos, pero poñíaste a multiplicar por tanto. Isto non o podemos gastar nós”. Entón, encontrábaste con alguén ou tiñas sede se era no verán, pasabas nunha terraza ou nun restaurante tomando unha cerveciña e charlando con alguén se o atopabas.

 

-Non ían moito ó centro de españois.

-Non, porque xa che digo que organizaban comidas, bailes e había que pagar. Iso non o pagaba o Estado nin o pagaba o presidente.

 

-Entón, se había problemas acudían a compañeiros, os patróns.

-Se tiñas problemas a policía alí estaba para solucionarche o problema. Por exemplo, non tiñas traballo, a policía encargábase de buscarche un traballo, sen ningún tipo de problemas. Agora, o que non querían eran vagos no país. Un mes podías estar en plan turístico, ou se a policía era considerada, explicándolle que non tiñas traballo, ou que non o encontrabas, ou que te encontrabas agotado e en fin, que non traballabas. Por calquera motivo un mes a policía pasaba de ti. Agora ó cabo dun mes, a policía chamábate á Jefatura, “¿qué pasa con vostede?, ¿non ten traballo?, nós llo buscamos, ¿non quere traballar?, xa sabe o que ten que facer, prepara-la maleta e en 24 horas na fronteira para o seu país”.

 

-E que idiomas falaban alí.

-Alemán, francés e despois o flamingo, que era unha mezcla.

 

-¿Tiveron moitos problemas co idioma?

-Home, ó principio. Fomos dos primeiros emigrantes que fomos, e anécdotas a nós non nos pasaron pero eu vía un matrimonio que ela era de Sarria e el era de aí de Escairón e morreu o pobre alá e tróuxoo a muller a enterrar a Escairón. Baixando do metro, baixou por sitio equivocado, en vez de baixar por un lado, baixou polo outro e o que viña arrollouno. Pero esa estaba nunha casa privada de cociñeira e el estaba para limpar, de xardineiro,..

E os problemas que tiñas co idioma eran todos. Eu a ti se che falo por exemplo en italiano, en alemán, o que che estou dicindo, ti que colles, pois isto nos pasaba a nós. Era difícil, pero como ti non eras tonta.

 

-Axudábanlles os compañeiros.

-Non, non, alí ninguén axudaba a ninguén, alí cada un ó seu e punto. Aquí iso de que ti me axudas a min e eu axúdote a  ti, e eu fago o teu e ti fas o meu, e cousas así, non. Alí cada un ó seu. Como cobrabas a fin de mes, o traballo facíalo como podías. Alí non te botaban a man nin ó pescozo. Nin os patróns querían iso. Alí cada un tiña o seu destino de traballo, o seu horario e a partir de aí borrón e conta nova.

 

-E despois aprenderon o idioma.

-E despois pouco a pouco, eu o italiano caceino rapidamente. Eu non o falaba, claro, pero ó mes e medio de estar alí xa collía moitísimas cousas. Falalo non, o italiano inda hoxe fáloo correctamente como o español. Francés, falo bastante, máis que entendo, e alemán aínda me defendo.

 

-Ían a clases, ¿como o aprendían?

-Non, non, todo de oído. Daquela que tiña o meu oído ben e eu non era tosca e o meu marido tampouco, porque nos interesaba. Se ti traballabas máis ca eu, pero en categoría inferior de traballo. Se ti fregabas platos, non gañabas como facendo unhas camas, se estabas detrás dun buffet dándome a min servicio, non gañabas coma min que estaba de camareira. Ó mellor traballabas moito máis ca min. Pero alí miraban moito a categoría.

 

-Non había a posibilidade de facer cursos.

-¿E quen ía daquela? Os cursos cando os facías era ir limpar a casas particulares ou fregar a restaurantes ou cousas así. Eran os cursos que facías. ¿Quen pagaba os cursos? Porque os cursos alí non eran gratis. Penso que os habería, nunca me preocupaba porque non podía ir.

 

-¿Cando viña a España? ¿cando tiñan vacacións?

-E no medio das vacacións, calquera hora. Que si un telegrama, que si unha carta urxente, que si tiñan que operar ós teus pais. Nunha ocasión tiveron que levar ó Martín a casa duns veciños que caeron os dous enfermos. “E non os fagades vir, que aínda fai pouco que marcharon e costa a viaxe e perderán dereitos”. Pero ó pouco de marchar, se facíamos caso estabamos indo e vindo coma se fose ir aí ó cruce e volver ata aquí.

 

-E en que viñan.

-Sempre viñemos en tren, en avión nunca, e cando nos viñemos definitivamente, en coche. Non nun coche propiedade noso. Porque nós despois de vir de alá, primeiro quitou o carné o meu marido e despois saqueino eu e logo compramos o coche. Pero primeiro fixemos o  garaxe. Porque nós non eramos dos que compraban o coche, deixámolo fóra e non temos, ... Nós eramos dos que empezaban as casas polo tellado.

 

-Entón en que coche viñan.

-Viñamos en coches que había, que ían de aquí de España como se foran taxis, ían levar a xente, e traíante. Pero estouche falando de anos e anos que pasaron para atrás. Moitísimos anos. Ó principio non había. Había o avión se querías ir, pero ¿quen? e autobús porque coincidiu a folga de trens, pero o tren era o que máis utilizaba o emigrante. Era o medio que había. Porque autocares non é como agora que hai autocares a Barcelona, a Francia, a Suíza, pero daquela non había. Daquela, medio de locomoción, tren. Porque calquera pensaba en vir en avión, ¡ja!, e con que. Se escasamente tiñas para ir en tren.

 

-¿Algunha vez que quixeron vir a España puxéronlles problemas?

-Non, como non te pasaras do límite dos tres meses, non tiñas problema ningún. Pero repito, co permiso B, anual. Co estacional, nada de nada. Vale, oito meses alí e para España. É como quen vai á vendimia, que van estacionais, uns “equis” meses aquí e volven, pero iso non é rentable porque sacas para a viaxe e pouco máis. Nós cando perdemos o permiso anual non pensamos que nos ía acarrear eses problemas.

 

-Cando estaban eses catro meses traballando noutros sitios, realmente non podían estar alí.

-Non, estabamos clandestinos, ilegais totalmente. Se nos colle a policía, nos chimpan para España e en 24 horas estamos na fronteira. Non se podía facer.

 

-Cando viñeron de alí ¿tiveron que traer moitas cousas de Suíza?

-Non moitas cousas. Porque alí tiñas o imprescindible. Dábanche a habitación amoblada, a cociña estaba posta, o baño estaba posto. Unha pouca roupa, calzado e punto.

 

-Foi duro deixar ó seu fillo con só dous anos.

-O que sufrín eu. Se che conto o que fun chorando. Montei na estación en Sarria e ata Suíza fun chorando día e noite. Eu non podía parar de chorar da tristeza que levaba, pensar que non o ía ver en tanto tempo, pensar que o deixaba aquí, a parte de que cos papás quedaba ben. Pensar que non o podía ver en tempo. E despois eu vía por alí un chaval que me imaxinaba, porque a mamá, iso si, mandábame fotos con moita frecuencia nas cartas, para que vira como ía evolucionando, como ía crecendo, como estaba de bonito. Pero era unha foto, e que facía coa foto.

 

-E falaba por teléfono.

-Non. Nada de nada. Teléfono xa o había. Chama por teléfono, madre mía, nin de broma, só que fora unha emerxencia de vida ou morte. Era boa, de ningunha maneira. Cartas, urxentes se tiña présa e senón cartas normais.

 

-Entón cando volveu Martín xa tiña catorce anos.

-Trece ou catorce anos. Recriminábame sempre por que non o leváramos para alá, por que non tiñamos a Begoña alá, antes de estudiar a carreira, dicía “se fose con vós para alá tiña o problema resolto, alomenos de idiomas”. Pero o noso non era aquelo, porque a emigración é moi triste. Só hai que vivila, porque o que non a vive pensa que iso é unha cousa que non pasa nada. A emigración é moi triste, moi triste. E eu daquela se me dan o que vale Sarria, eu soa hoxe, dicir voume quen di a Suíza, ó Congo Belga, non me marcho, morrería de pena e daquela gracias a dios tiña o meu marido. Sempre tes con quen comentar as tristezas, as alegrías, as penas, as historias, as cousas, sempre é distinto, pero eu sufrín moito.

 

-Despois ¿non foi difícil o entendemento cos fillos?

-E despois metéuseme na cabeza que se non nos viñéramos, porque o de virnos foi culpa miña, porque o meu marido non quería virse. Quería que levara ó Martín, quería que  tivera a nena alí, quería que nos organizaramos alí.

 

-El quería quedarse alí.

-El quería quedarse alí. Dicía, ben, cando veñamos para España imos vivir a corpo de rei. Os meus pais xa se ían facendo maiores. E eu sufría moito. Primeiro, se teño a pequena aquí e meus pais alí que non tiñan máis fillos ca min, tela marinera. Ter que acabar os seus días nunha residencia, eles que lles tiñan auténtico pavor ós asilos, a veces comentábanme, “Olga se nos sobrevives nunca permitas que nos leven a unha residencia. Nós non queremos morrer nun asilo”. E así foi que o papá morreu nas miñas mans, e a mamá en Calde. Pero morreron comigo, pero as veces penso, os meus papás morreron nas miñas mans e eu en mans de quen morrerei.(...) A emigración a min quitoume anos de vida.

 

-¿Foi difícil despois entenderse co fillo?

-Non, para nada. Para nós foi máis traumatizante ir de aquí para alá que de alá para aquí, porque cos teus é o teu idioma, a túa xente. E alí non é o teu idioma e non é a túa xente.

 

-E co fillo, por exemplo.

-A parte de que Martín, como a mamá foi quen o criou, a nai e o pai foi a aboa. A parte de que eu sei que a min quéreme con locura, criar practicamente criouno a abuela, iso está claro. Pero el nunca chegará a saber que eu por el sufrín moitísimo, a min costoume moitas lágrimas, pero de sangre. O pai non, o pai xa era doutra maneira, máis duro, aínda que o sufrira non o exteriorizaba. Eu non, sempre fun máis sentimental, vivín as cousas doutra maneira. Que tampouco se pode ser así.

 

-¿Por que volveron finalmente?

-Despois había que vir pola pequena, porque os papás eran máis maiores, porque date conta de que entre os irmáns se levan doce anos. Cando deixamos a Martín os meus papas aínda eran novos. Había que tomar unha determinación, ou alá ou aquí. Pero eu tiña o problema dos papás, eu se teño outro irmán, outra irmá, era de miralo. Non sei, porque o meu marido aínda que vivira non estaría xubilado, tería sesenta anos, levábame catro anos. Eu hoxe teño 56 feitos de abril. A min si que a xubilación ós 63, pero el ós 65 igual que aquí. E aínda nos quedaba tela marinera, pero malo sería que non o aguantáramos despois de aguantar o que levabas aguantando. O que pasa que che quedaba unha xubilación para vivir a corpo de rei.

 

-¿Non tiveron problemas para adaptarse de novo a aquí?

-Non foi o noso caso, o noso problema foi para adaptarnos alí. Porque era todo tan distinto ó noso en tódolos aspectos e o maior problema o idioma, porque podes facer o que queiras, porque –é feo que o diga- a min ningún suízo, ningún alemán nin de ningunha nacionalidade me ensinou a facer de nada e sen embargo ensinábanme de todo porque a lingua tíñaa, pero como non a sabía usar, pois ensinábanme de todo.

 

-¿Tiveron que facer algún papeleo para volver?

-Non, parte de baixa no consulado, na policía, unhas xestión porque abandonas o país definitivamente, pero sen problemas. O maior problema que nos atopamos nós alá foi o de perder o permiso B por ese cantante, que tivemos que deixar o noso traballo, que estabamos ben pagados, e estabamos contentos. Pero, ¿como íamos quedar ali?

 

-Unha vez que chegaron aquí volveron facer a súa vida laboral, abriron un establecemento.

-Abrimos non de súpeto, houbo varias cousas que facer. Pero xa o negocio estaba preparado para iso. Houbo que preparar para abrir, comprar cociña, o bar, porque coas paredes soas non solucionas. Non abriramos así repentinamente pero tardaramos moi pouco en abrir.

 

-Vostede cobra unha pensión.

-Eu cobro unha pensión por Suíza por viudedade. Cobro por meu marido, non por min. Se chegara ós 63 anos cobraría pola vellez de alí. A parte da viudedade a min pagaríanme pola vellez porque eu tamén coticei alí. Iso na nómina de cada mes que che daba o patrón viña descontado como aquí a Seguridade Social. Mándanme só por cinco anos. Se eu tivera a sorte de chegar a 63 xa me pagarían máis.

 

-A pensión de Suíza ¿non compensa todo o que se traballou alí?

-Non, pois mira estanme mandando 26.000, non chega ás 30.000 pesetas. Segundo estea o franco. E agora en euros a ver o que é.

 

-Tivo que andar arreglando papeis.

-Si, arregloume todo o fillo.

 

-¿Hai axudas do Goberno español para emigrantes?

-Eu non sei se para xente maior, pero para min que eu saiba non. Pero neste país, se é pagar o que queiras, pero se é cobrar é moi complicado.

 

-¿Arrepentiuse de ir?

-Non, porque ó final o que temos aquí, se non foramos alí non o teríamos. Porque de que se ía facer. Aínda que non che agradezan nada. Os meus pais a min deixáronme o sol, a lúa e as estrelas. Unha man diante e outra detrás e a currar. Foi a carreira que me deron. E recordo de catro profesores me dixeron que fixera algo, que eu era intelixente para estudiar. Pero daquela os pais non tiñan cartos e aínda que os tiveran non se sacrificaban polos fillos. Non, porque se fora un home aínda tal, pero ó ser unha muller, ten fillos e xa non exerce. Nós moitas veces pasámolo mal alá en Suíza, porque as contas había que facelas, a casa estábase facendo, o diñeiro había que mandarllo a mamá, e botas contas de aquí e de alá, e o que che quedaba ó mes, para unhas pipas. Se eu tivera outra mamá, pois diría,  “mandádesme un mes si, outro non, por exemplo, ou de momento non mandedes nada. Mirade de arreglar as vosas cousas”. A mamá había que enviarlle tódolos meses 23.000 pesetas sen fallar.

 

-Canto supoñían as 23.000 pesetas.

-Pois ó mellor quedábaste con 10 francos. Parte do soldo dun, viña para aquí.

 

-Cando volveron para España ¿qué diferencias notaron con respecto a  como a deixaran?

-Diferencias neste barrio había poucas. E na casa onde me criei, cada vez que paso por aí véñenseme as lágrimas ós ollos, da miña infancia con moitas estreiteces, con moita miseria, non coa abundancia de hoxe, pero eras feliz, cunhas chapas, cunhas estampiñas destas das caixas de mistas e unha lousa, xogando ás lousas esas, pintabas con tiza no chan, no propio terreo cunha punta, daquela estaba de terra, chegaba o San Xoán tiñas que esperar un ano para pedir uns zapatiños ou unha batiña se a había, sen esixencias. Por iso sufro tanto nesta sociedade, porque eu non quixera vivir acordando.

Eu recordo que meus papás me mandaron ó colexio, ata os nove anos. As catro regras, sumar, restar, multiplicar e dividir. Gracias a iso inda hoxe me poño co mellor estudiante. E despois a traballar, a lavar polbo, a lavar a roupa, a planchar, atende-lo bodegón, lava-los vasos, frega-lo chan de xeonllos que eran de madeira. Alá en Suíza, antes morta que quieta.

 

-En Suíza vivíase a situación como en España, de axudar ós pais.

-Alí a partir dos 13 anos os fillos independízanse totalmente dos pais, porque alí cando eu estiven a partir dos 13 anos, home e muller independízase dos pais totalmente, porque a nivel de estudios, o goberno encárgase, e nas vacacións se eu vou facer un horario de oito horas, eles fan un de catro, ou tres, ou cinco, durante as vacacións para sacar para os seus gastos. Estudiar, gratis, e para os seus gastos nas vacacións. Cóllennos en calquera sitio. Faltará para ti, pero para un estudiante que quere traballar non. E vanlle pagar ben. E con iso xa ten suficiente para subsanar os seus gastos. E así era a vida da xuventude. Non é como aquí “chegar as vacacións, me voy para casa, e a vivir a vida, de carallada, a comer a durmir, a pasalo ben”. Alí non. Ademais, non fai falta que os pais lles digan que se marchen, é que eles mesmos se independizan. E así se facían as carreiras, e unha vez que saías coas carreiras, traballo así. Non coma aquí, que saes cunha carreira e púdreste e morres.

 

 

                                          Volver

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   ENTREVISTA A OLGA LÓPEZ, emigrante     

 

 

 

Este espacio es una ventana desde donde difundir las experiencias vividas por los emigrantes gallegos en primera persona .Inicia esta serie de testimonios Olga López en una entrevista realizada por la periodista Raquel López en Junio del año 2000. 

perfil Olga López López nació en abril de 1944 en Sarria (Lugo). Al terminar el  bachillerato se puso a trabajar en la taberna que sus padres poseían en la localidad lucense .En 1961 se caso con Martín Aldegunde  y al poco tiempo tuvo un hijo . Fue en 1963 cuando ella y su marido decidieron emigrar a Suiza, dejando a su primogénito en Sarria al cuidado de sus abuelos. Durante el proceso migratorio el matrimonio desarrolló su vida laboral en el gremio de la hostelería Hasta el año 75 en el que decidieron regresar a tierra poco después de nacer su segunda hija .Ya de regreso a España abrieron un establecimiento de hostelería que regentaron hasta 1989, año en que murió el marido de Olga

Estas entrevistas serán presentadas en el idioma original que este caso es el gallego. 

 

                                     LEER ENTREVISTA